As piscinas municipais abrirán a semana do 29, con cita previa

O Concello de Ourense abrirá as piscinas públicas municipais a principios da semana do 29 de xuño. Será logo de comprobar que se compre con todas as medidas de seguridade decretadas polas autoridades sanitarias. Así, o aforo estará limitado ao 75% da capacidade total, e haberá que pedir cita previa.

Mario Guede, concelleiro de Deportes, asegura que “son unhas instalacións públicas e gratuítas, polo tanto hai que camiñar con moita precaución e con total seguridade”. Unha vez solicitada a cita -a través das canles que se anunciarán nos vindeiros días-, haberá que manter a distancia de seguridade recomendada polas autoridades. O acceso farase en dúas quendas horarias para que os equipos de limpeza poidan desinfectar correctamente as instalacións.

O Consello Municipal de Deportes (CMD), seguindo as normas ditadas pola Xunta de Galicia, traballará durante os próximos días no acondicionamento das instalacións e na colocación de paneis informativos en todo o recinto, ao tempo que se enchen os vasos.

De igual modo, desde o CMD apélase á responsabilidade individual dos usuarios para evitar situacións de risco.