Convocadas as subvencións do Consello Municipal de Deportes para actividades, clubs e entidades deportivas

O Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense convoca as subvencións en materia deportiva para o actual ano 2022, dirixidas a federacións deportivas e a clubs ou entidades deportivas do municipio inscritas no rexistro de asociacións deportivas municipais. O extracto da convocatoria pódese consultar no Boletín Oficial da Provincia de Ourense de hoxe, 11 de maio de 2022 e nesta páxina web.

A convocatoria conta con dúas liñas. A Liña 1 está destinada á organización de actividades deportivas federadas e outras actividades de especial transcendencia social que contribúan á promoción deportiva no período comprendido entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022. A Liña 2 está dirixida a gastos de funcionamento das entidades deportivas por participación ou organización de competicións e actividades federadas de carácter oficial, para a tempada 2021-2022.

As bases reguladoras publicáronse no Boletín Oficial da Provincia de Ourense do día 28.05.2021 e estarán á disposición das persoas interesadas na páxina web do Consello Municipal de Deportes de Ourense e na Base de Datos Nacional de Subvencións.

As solicitudes, xunto coa documentación adxunta, dirixiranse ao presidente do Consello Municipal de Deportes, presentándoas obrigatoriamente de forma telemática conforme aos modelos ou anexos recollidos nas bases reguladoras a través da sede electrónica do Consello Municipal de Deportes. Para a Liña 1 o prazo é desde mañá, xoves, 12 de maio, ata o 31 de outubro. Para a Liña 2 son 30 días naturais desde mañá, resultando o venres, 10 de xuño, o último día para a presentación de solicitudes.

DOCUMENTACIÓN