O CMD avanza na reapertura das súas instalacións, adaptadas á nova normativa covid-19

O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes, formado por representantes de todos os grupos políticos municipais, reuniuse telematicamente coa coordinadora deportiva e o xerente para coñecer o estado de apertura das instalacións deportivas dependentes deste organismo e efectuar posibles achegas para mellorar a prestación do servizo.

Os técnicos a día de hoxe fixeron as seguintes valoracións:

A- En relación aos clubes e ás entidades deportivas, deberán solicitar o uso achegando un calendario competitivo, o número de usuarios e protocolos de medidas covid-19 que aplicarán segundo a disciplina. Terán que dirixirse aos técnicos do Consello Municipal de Deportes para seu estudo e concesión, de ser o caso. Neste senso, na reunión a coordinadora deportiva fixo unha análise do estado das solicitudes actuais e tamén, das actuacións noutras grandes cidades de Galicia.

B- No caso do Pavillon dos Remedios, por mor das obras estarán pechadas ata novo aviso. As obras agora están avanzando de xeito paralelo en varios sectores, o que permitirá o cumprimento de prazos a pesares da interrupción na subministración dalgún dos materiais. Este feito leva a aconsellar a apertura das instalacións para os abonados cando se poida prestar un servizo o máis completo posible. O procedemento de compensación dos abonamentos comezarase a efectuar tras a consulta previa do procedemento no departamento de Administración. Tamén se expuxo, que desde o día 1 de xuño abrirase a atención administrativa e o rexistro presencial, tras solicitude previa de cita, nos teléfonos habituais do Consello Municipal de Deportes.

C- Nas piscinas estivais de Oira, estase a traballar para a súa apertura e adecuación ás novas esixencias hixienico-sanitarias pola covid-19 nesta tempada. Se ben os traballos rutinarios de apertura avanzan a bo ritmo, malia as restricións laborais, queda traballo na adaptación fronte ás novas esixencias en piscinas recreativas. Neste senso, resaltouse a importancia que a nova normativa da á cita previa, o control dos aforos e os accesos.

Por último, reseñouse o continuo avance que está a ter a normativa covid-19 neste ámbito (case dúas ordes por semana), e a problemática que suscita por poñer un exemplo o uso das duchas dos vestiarios.

Entre as achegas e solicitudes dos representantes políticos estivo: o estudio para levar a cabo actividades dirixidas de exterior, a importancia da posta a disposición dos usuarios de xeles hidroalcólicos antes de duchas, estudar o uso máis eficiente dos vasos deportivos cando estean en uso, o seguimento máis estreito dos traballos de limpeza ou a presenza dalgún medio de desinfección a través das duchas.

Por último o presidente do Consello Municipal de Deportes emprazou os asistentes a reunirse en quince días para coñecer o avance destes asuntos.