O Concello atrasará a remodelación do campo de hóckey de Mariñamansa até o mes de xuño para permitir as competicións federadas

O Concello atrasará a remodelación do campo de hóckey de Mariñamansa até o mes de xuño para permitir as competicións federadas

Ourense, 19 de xaneiro de 2021.-

O alcalde de Ourense recibiu esta mañá a directiva da Federación Galega de Hóckey (FGH), coa que se comprometeu a atrasar as obras de remodelación do campo municipal de hóckey de Mariñamansa até o mes de xuño. Esta medida, solicitada desde a FGH, quere axudar a que as competicións federadas se desenvolvan coa normalidade que permite a pandemia até a fin da temporada.

O rexedor e a directiva da FGH comprometéronse a seguir colaborando mutuamente na promoción e no desenvolvemento deste deporte na cidade.

A intervención no campo de hóckey municipal suporá a instalación de céspede artificial de última xeración -certificado pola FIH Global Category, o que permitiría a celebración de partidos internacionais-, xa que o actual superou a súa vida útil e supón un risco para os usuarios do campo. Ademais, substituiranse as porterías e contarase cunha nova instalación de rego, proxectores led, bancos a pé de campo, sistema de videogravación e alarma en toda as instalacións. Tamén se reformará a cuberta, xa que en períodos chuviosos filtra auga ao interior das instalacións.

O orzamento do proxecto ascende a 473.226,70 euros, e 3 meses de prazo de execución que contarán a partir do peche das competicións federadas.