Plan de convivencia entre as obras e a actividade cotiá do Pavillón dos Remedios

O xerente e a coordinadora do Consello Municipal de Deportes reuníronse cos arquitectos da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para coñecer os programas de traballo das empresas que optan á adxudicación do concurso para executar as tan demandadas obras de reforma do Pavillón dos Remedios. Vendo estes programas poderá perfilarse un plan de convivencia entre a realización das obras e a actividade cotiá do complexo deportivo.

A convivencia das obras coa menor afección posible da actividade do Pavillón dos Remedios é un dos criterios de calidade que a Secretaría Xeral para o Deporte puntuará como mellora nos Programas de traballo.

O cronograma, xunto cos servizos que se poidan ver afectados, non quedarán pechados ata que a Xunta de Galicia adxudique a obra, e se coñeza o programa definitivo de traballo.

Desde o Consello Municipal de Deportes estanse a buscar alternativas, atendendo as achegas dos usuarios, para non interromper a actividade, feito este do que se irá informando segundo vaia avanzando o proceso nas vindeiras semanas.