VIII Circuíto de carreiras populares “Correndo por Ourense”

VIII Circuíto de carreiras populares “Correndo por Ourense”

O circuíto de carreiras populares “Correndo por Ourense” inicia a súa oitava edición con 6 carreiras que percorrerán os barrios da cidade. Esta popular cita deportiva persigue o dobre obxectivo de fomentar a práctica do deporte entre a veciñanza e achegar o deporte ás rúas e aos barrios da Ourense.

Esta actividade segue a aumentar o seu nivel de participación, con máis de 1.500 persoas inscritas o ano pasado, e cun marcado incremento do protagonismo das mulleres, que nos últimos anos aumentaron un 34% a súa participación.

Correndo por Ourense propón para este ano 6 citas: nos barrios do Vinteún (o día 22 de abril), O Couto (o 26 de maio), Centro da cidade (o 24 de xuño), Universidade (o 9 de setembro), A Ponte (o 30 de setembro) e A Carballeira (o 21 de outubro). Todas elas serán os domingos, ás 12 da mañá (ACTUALIZADO: Universidade, Ponte e Carballeira serán as 11 da mañá), coa única excepción da carreira do Couto, que será ás 10 da noite, e abranguerán as categorías benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, xúnior, promesa, sénior e máster.

Son “seis fantásticas oportunidades para vivir o atletismo, nunha proba na que todas as persoas son benvidas e todas son protagonistas: atletas que compiten pola vitoria, atletas aficionados que buscan mellorar as súas marcas ou simplemente pasalo ben e gozar saudablemente do tempo de lecer, escolares e persoas adultas de todas as idades”, asegurou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez

As persoas interesadas poden realizar xa inscrición a través da páxina web www.championchipnorte.com, a un prezo de 7 euros para as categorías junior, promesa, sénior e máster, sendo gratuíta para as demás categorías.

O alcalde de Ourense animou a sumarse a esta nova edición “ás persoas que son verdadeiras protagonistas do Correndo por Ourense: os veciños e as veciñas da cidade, que participando como atletas ou como público conseguen que esta proba sexa cada ano unha gran festa do deporte para todos e para todas na nosa cidade”.

O circuíto está organizado polo Consello Municipal de Deportes e o Concello de Ourense coa colaboración de Colexio Divino Maestro, Club Esprintes Ourense, delegación ourensá de atletismo, clube deportivo Aurum, Clube Ourense Atletismo e Asociación de Veciños Carlasca, integrantes do comité técnico, e o patrocinio de coa colaboración de Gadis, Turini, Pérez Rumbao e Coca Cola

PODES DESCARGARTE O DÍPTICO OFICIAL [Oficial correndo por Ourense 2018]