45ª edición Pedro Escudero

O torneo Pedro Escudero celebra este sábado 11 a 45ª edición coa cifra de nadadores máis alta da súa historia

  • As probas contarán coa presenza de preto de 400 nadadores de 23 clubes de Galicia e de Asturias.
  • O torneo desenvolverase nunha soa xornada con dúas sesións, desde as 10:00 horas pola mañá, e a partir das 17:00 horas pola tarde.
  • AUDIO da presentación

Ourense, 8 de xuño de 2016.

A piscina olímpica do Pavillón dos Remedios acolle este sábado 11 de xuño unha nova edición do torneo Pedro Escudero de natación, a número 45, coa presenza de preto de 400 nadadores de 23 clubes de Galicia e de Asturias, unha cifra que supera as expectativas da propia organización. “Nacido nas orixes para completar un calendario nunhas datas nas que a competición en Ourense era escasa, e que actualmente xa está consolidado coma un dos grandes torneos da nosa comunidade”, subliñou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación da proba.

O torneo desenvolverase nunha soa xornada con dúas sesións, desde as 10:00 horas pola mañá, e a partir das 17:00 horas pola tarde. Haberá un total de 30 probas (15 masculinas e 15 femininas) e haberá medallas e premios en metálico para os tres primeiros clasificados. A novidade desta edición, segundo explicou Santi Escudero, fillo de Pedro Escudero e integrante do Clube Pabellón de Natación, “é a modificación do sistema de competición: trátase de non alongar a competición e conseguir máis fluidez tanto para as probas como para os espectadores”, dixo. Así, o ránking establecerase pola suma dos puntos FINA: baséase en comparar as marcas dos nadadores cunhas marcas de referencia establecidas pola Federación Internacional de Natación, de forma que as marcas de máis calidade reciben unha puntuación máis alta.

As probas, de estilo libre, mariposa, espalda, braza e estilos, nadaranse por sistema contrarreloxo. E o límite será de catro series para as distancias de 50,. 100 e 200 metros, e de dous series para as de 400 m.

Malia que os nadadores de máis renome están a preparar os xogos olímpicos de Río 2016, non faltarán outros comaLaura Pimentel, Marcio Urena ou Ane De la Fuente, entre outros.

O acceso á celebración do torneo como público é libre e de balde.