Adxudicadas as obras do campo de fútbol de Vilar e do polideportivo da Feira

Adxudicadas as obras de mellora do campo de fútbol de Vilar de Astrés e do polideportivo do Campo da Feira

O Consello Municipal de Deportes adxudicou na súa sesión de onte dous importantes proxectos de remodelación e mellora de infraestruturas deportivas, que suporán un investimento de máis de medio millón de euros. Trátase, por unha banda, das obras de execución de bancadas, vestiarios e céspede sintético no campo de fútbol de Vilar de Astrés, e as da substitución da cuberta do polideportivo municipal do Campo da Feira. Ambas adxudicacións foron apoiadas por unanimidade de todos os concelleiros que constitúen o Consello Reitor, e resolven os procedementos iniciados o 29 de agosto.

As obras do “Campo de fútbol de céspede artificial, acondicionamento de vestiarios, e construción de bancadas en Vilar de Astrés” serán executadas pola empresa Extraco Construcións e Proxectos, S.A, á que se lle adxudicaron por un importe de 455.463,36€, cunha garantía do equipamento de catro anos.

Esta demandada obra abrangue a instalación de céspede artificial no campo de fútbol e humanización da parcela. Previa recepción da obra, un laboratorio externo probará que as condicións do terreo de xogo cumpren os máximos requirimentos de homologación marcados pola FIFA.

Xunto a este terreo de xogo de última xeración e a humanización de toda a parcela, efectuarase un grada cuberta nunha das bandas de catro andares e acondicionaranse novos vestiarios, que permitirán o uso cotiá e de competición destes espazos.

O potencial de uso destas instalacións é enorme dada a proximidade ao núcleo da cidade, xunto coa presenza de liñas de transporte urbano, polo que se agarda que sexa un revulsivo deste núcleo rural.

En canto á obra no polideportivo do Campo da Feira, adxudicóuselle á empresa Sergonsa Servicios S.L. por un importe de 91.394,93€. Esta obra consiste na substitución da cuberta actual do polideportivo de chapa duns 2 milímetros -co que seu poder illante é nulo- por paneis estilo “sandwich”, de 5 centímetros de grosor, con alta capacidade illante que permita manter máis estable a temperatura interior do pavillón tanto en inverno coma no verán.