Mellora integral do Pavillón dos Remedios, con máis de 2 millóns de euros de investimento

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, e o concelleiro de Deportes, Mario Guede, visitaron esta mañá as obras de remodelación que a Xunta de Galicia está a realizar no pavillón municipal dos Remedios. O investimento de máis de 2 millóns de euros reportará unha substancial mellora do espazo deportivo, tanto desde o punto de visita estético, como funcional, de accesibilidade e de sostibilidade, xunto cunha importante mellora na calidade do servizo que presta aos seus 40.000 usuarios mensuais.

O pavillón, inaugurado o 1 de xullo de 1969 cun partido de baloncesto entre o Joventut de Badalona e o Real Madrid, como lembraron o alcalde e o secretario xeral, é un centro de referencia deportiva que reclamaba “a gritos” unha reforma, destacou o alcalde, que confía que esta sexa unha de moitas inversións da Xunta de Galicia na cidade.

O secretario xeral para o Deporte da Xunta manifestou o seu “especial cariño” por estas obras nunha instalación, dixo “con moita tradición e moita historia”, de máis de 17.000 metros cadrados, con dous pavillóns, campo de fútbol, piscinas, módulo de atletismo, que é un “referente da vida social, cultural e deportiva da cidade”, e onde se desfruta con espectáculos deportivos de equipos como o Envialia e o Cidade das Burgas de fútbol sala feminino, o Pavillón Club de Fútbol, xunto con grandes atletas, ximnastas ou nadadores. Lete vinculou este investimento aos recentemente realizados na pista cuberta de atletismo de Expourense, á reforma actualmente en marcha do recinto de Monterrei, ou ás do futuro parque acuático.

O alcalde, pola súa banda, asegurou que “Ourense é a cincenta de Galicia, e necesitamos este e moitos máis investimentos”. Lembrou que a reforma do pavillón dos Remedios, do que é usuario desde hai moitos anos, era unha obra obra “realmente necesaria porque o pedía a gritos”, e que agarda que sexa a primeira “dunha gran cascada de investimentos que ten que vir” á cidade.

O pavillón, dixo, é unha instalación á que lle temos moito cariño todos os ourensás. A reforma supor, dixo, “unha importante mellora na calidade dos servizos que se prestan aos veciños da cidade e de toda a provincia” que utilizan estas instalacións.