O Concello recibe o pavillón municipal dos Remedios de mans da Xunta logo dos traballos de remodelación

O Concello recibe o pavillón municipal dos Remedios de mans da Xunta logo dos traballos de remodelación

  • O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, visitou esta mañá as instalacións deportivas acompañado do presidente da Xunta de Galicia, do secretario xeral para o Deporte e do presidente da Deputación Provincial.
  • Na visita comprobaron a nova configuración do antigo ximnasio -agora dividido en dúas alturas, abaixo vestiarios e outra sala de usos múltiples, arriba con maquinaria de última xeración e sala de usos múltiples-, os novos vestiarios e a reforma da accesibilidade aos diferentes espazos.
  • Pérez Jácome pediulle a Feijóo “vontade política para que a cidade poida perseguir o seu soño”, e este manifestou o seu “compromiso inquebrantable con Ourense”.

Ourense, 19 de xaneiro de 2021.-

O pavillón municipal de deportes dos Remedios reabrirá as súas portas logo das obras de remodelación iniciadas no mes de de novembro e financiadas pola Xunta de Galicia cun importe de 1,9 millón de euros. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, visitou esta mañá as instalacións deportivas acompañado do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e do presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar. Xunto a eles, o director do proxecto, Pablo Noya, a dirección da empresa construtora e representantes das institucións políticas de Ourense.

Pavillón dos Remedios 2021

Logo dunha visita polas instalacións, nas que puideron comprobar a nova configuración do antigo ximnasio -agora dividido en dúas alturas, abaixo vestiarios e outra sala de usos múltiples, arriba con maquinaria de última xeración e sala de usos múltiples-, os novos vestiarios e a reforma da accesibilidade aos diferentes espazos, alcalde de Ourense e presidente da Xunta coincidiron na mellora das condicións para os usuarios do espazo deportivo.

Gonzalo Pérez Jácome, que lembrou que a construción do pavillón data do seu ano de nacemento, animou os presentes a soñar un Ourense con entradas soterradas, “coma nas principais cidades de Galicia”, un grande potencial termal e turístico, e grandes dotacións para a práctica do deporte. Así, apelou á condición de ourensán de Alberto Núñez Feijóo e pediulle “vontade política para que a cidade poida perseguir o seu soño”.

O presidente da Xunta, pola súa parte, manifestou o seu “compromiso inquebrantable con Ourense”, comprometeuse a apoiar as dotacións deportivas da cidade -caso da pista de atletismo de Expourense ou o estadio do Couto, tamén o parque acuático termal- e apostou por “seguir loitando pola terceira cidade de Galicia”.

Cambios no exterior, cambios no interior

A fachada principal, cara á Ponte Vella e Pardo de Cela, conta cun aspecto renovado e moderno; tamén se remodelou a entrada principal e todas as comunicacións, á vez que se garantiu a accesibilidade de persoas con discapacidade a toda a instalación.

Arranxouse a planta de soto con accesibilidade mediante un novo ascensor, a modernización de case 400 m² de vestiarios e aseos facendo que sexan accesibles. Outra das novidades é a construción dunha nova planta de 550 m² nunha zona de ximnasio onde se aloxará unha sala nova de usos múltiples e, na planta primeira, unha sala de musculación e outra de actividades dirixidas, todo conectado mediante un ascensor.

Estas actuacións acompáñanse dunha mellora da accesibilidade aos vestiarios, así como coa execución dun novo ximnasio na localización do actual, cunha nova planta alta en comunicación coa planta soto, e todas elas comunicadas por un elevador.

Haberá un novo recubrimento de chans e paredes na piscina olímpica ‘Rosario Dueñas’ e reordenáronse os espazos dos vestiarios da piscina de 25 metros ‘Pedro Escudero’. Igualmente, o pavillón dos Remedios está a instalar un sistema de aproveitamento de augas termais provinte das Burgas para a climatización e para a auga quente e sanitaria.

Cómpre destacar as novas instalacións de fontanería, saneamento, climatización, equipos de loita contra incendios e electricidade, así como o peche da antiga escaleira de acceso ao soto situada no corredor central.

Acceso dos usuarios. O control de acceso ao espazo deportivo -rexistro, reserva de espazos ou compra de abonos- farase a través do espazo web http://deportesourense.deporsite.net.

Rexistro e reserva. Os usuarios das instalacións deberán darse de alta nun rexistro previo a facer calquera reserva. Unha vez rexistrados, e para cumprir cos protocolos establecidos pola normativa sanitaria en vigor, as persoas que desexen utilizar as instalacións do Pavillón dos Remedios deberán efectuar unha reserva do espazo que se queira utilizar. Para este segundo paso haberá que ser aboado/a do CMD.

Abonos. Para darse de alta como abonado é preciso rexistrarse telematicamente na plataforma, indicar o tipo de abono que se desexa adquirir e realizar o pago. A tarxeta poderase recoller no propio Pavillón. Se algunha persoa precisa atención presencia, pode dirixirse ás súas oficinas na Avenida Pardo de Cela, número 2, en horario de atención ao público.

As persoas que teñan meses pendentes por consumir do abono do ano 2020, poderán utilizalos comunicándollo ao Consello Municipal de Deportes, a través da conta de correo electrónico: info[arroba]deportesourense.com, e recibirán as indicacións para rexistrarse no novo sistema.

As que tiveron abono nalgún momento, aínda que non estivese activo no momento da declaración do Estado de Alarma, deberán chamar por teléfono ao Pavillón e indicar un correo electrónico ao que se lles enviará un enlace para acceder ao sistema.

Para calquera dúbida, o Consello Municipal de Deportes recomenda que se chame ás oficinas [988 370 935] en horario de mañá.