O Consello Municipal de Deportes instalará céspede de última xeración no campo de hóckey de Mariñamansa

O Consello Municipal de Deportes instalará céspede de última xeración no campo de hóckey de Mariñamansa

  • O desgaste do pavimento xera problemas de agarre para os deportistas e obriga a executar continuos e custosos labores de mantemento.

  • A nova superficie, certificada pola FIH Global Category, permitirá a celebración de partidos internacionais.

  • O proxecto contará cun orzamento de 473.226,70 euros.

Ourense, 29 de outubro 2020.-

O campo municipal de hóckey de Mariñamansa lucirá nova faciana. O Consello Municipal de Deportes (CMD) aprobou, na reunión do seu Consello Reitor celebrada hoxe, a contratación da “Execución da substitución de céspede e obras complementarias no campo de hóckey herba de Mariñamansa”, unha intervención que contará cun orzamento de 473.226,70 euros e 3 meses de prazo de execución.

Esta decisión, incluída por vía de urxencia na orde do día, débese a que a superficie da instalación municipal superou a súa vida útil, e o desgaste do pavimento xera problemas de agarre para os deportistas de todas as idades. A maiores do risco para as persoas, o CMD valora o elevado custo dos continuos labores de mantemento. Polo tanto, instalarase un céspede artificial de última xeración que conta co certificado da FIH Global Category, o que permitiría a celebración de partidos internacionais.

O proxecto implica a instalación dun céspede monofilamento texturizado, a substitución das porterías, unha nova instalación de rego, proxectores led, bancos a pé de campo, sistema de videogravación e alarma en toda as instalacións. Ademais, reformarase a cuberta, xa que en períodos chuviosos filtra auga ao interior das instalacións, xunto coa protección dos lucernarios.

Gastos e subvencións. Na reunión do Consello Reitor do CMD aprobouse, ademais, unha relación de facturas de diferentes provedores por valor de 56.463,97 euros, así como a concesión de subvencións a tres clubs deportivos para o desenvolvemento de eventos: 860 euros ao Club Maese Riders Team, para a Costiña de Canedo 2020; 850 euros ao Club Deportivo Xadrez Ourense, para I Outono de Xadrez; e 500 euros ao Club Deportivo Aurum para a organización de IX Trofeo Aurum.

Auga termal. Noutra orde de asuntos, o CMD abriu hoxe as cinco ofertas presentadas para a execución do proxecto “Aproveitamento de auga termal provinte das Burgas nas instalacións interiores do Pavillón dos Remedios”.

Logo das obras de canalización da auga, que discorre xunto ao río Barbaña desde as Burgas que levan máis e máis quente a auga termal ao Pavillón dos Remedios, o CMD quere contratar este proxecto de eficiencia enerxética de forma que se aproveite máis a enerxía calorífica da auga termal, reducindo a pegada de carbono e os custos que derivan do consumo de combustibles fósiles.