Ourense aforrará 80.000€ anuais coa mellora do subministro de enerxía termal cara ao pavillón dos Remedios

Ourense aforrará 80.000€ anuais coa mellora do subministro de enerxía termal cara ao pavillón dos Remedios

  • A actual condución, que discorre desde As Burgas polo lateral do río Barbaña substituirase por unha nova tubaxe de 1.400 metros lineais cara a unha das balsas do complexo deportivo.

  • O orzamento da actuación ascende aos 271.768´81 euros (IVE engadido), e terá un prazo de execución de 3 meses.

  • Tradicionalmente, as instalacións do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense viñan abastecéndose da enerxía térmica obtida da auga do manancial termal das Burgas, que contan cun potencial en orixe de 300 litros/min a 67ºC.

As obras de rehabilitación do subministro de enerxía termal para o pavillón dos Remedios, que lle permitirán ao Concello de Ourense aforrar en torno aos 80.000 euros anuais na factura de Gas Natural, xa están en marcha. Esta mesma mañá visitaban as mesmas o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acompañado polos concelleiros de de Infraestruturas, José Araújo, e de Deportes, Mario Guede. O proxecto redactado por Infraestruturas prevé a substitución da actual condución, que discorre desde As Burgas polo lateral do río Barbaña a través de 1.400 metros lineais cara a unha das balsas do complexo deportivo. A nova tubaxe estaría soterrada cun illamento exterior de grande duración especificamente adaptado a este tipo de augas termais. O orzamento da actuación ascende aos 271.768´81 euros (IVE engadido), e terá un prazo de execución de 3 meses.

Tradicionalmente, as instalacións do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense viñan abastecéndose da enerxía térmica obtida da auga do manancial termal das Burgas, que contan cun potencial en orixe de 300 litros/min a 67ºC. A achega enerxética ás instalacións dos Remedios foi diminuíndo co paso do tempo polo progresivo deterioro da condución e dos elementos de almacenamento e bombeo inmediatos. Ao longo, e co obxectivo de manter a subministración, tívose que reparar en tres puntos distintos debido a roturas por envellecemento dos materiais.

Esta mellora unirase ás obras de montaxe de dous sistemas de intercambiadores no Pavillón dos Remedios: O primeiro, para quecer previamente a auga que entra nas caldeiras de modo que o salto térmico sexa duns 20º, cando anteriormente era duns 40º-45º; o segundo intercambiador quenta o circuíto de auga das piscinas, de xeito que estas quecen case exclusivamente coa auga termal.

Fases da obra. As obras que visitaron esta mañá o alcalde de Ourense e os concelleiros responsables consistirán “nunha limpeza interior e exterior da estación de estación de bombeo, na que se retirarán os residuos, e sinalizaranse os puntos de cruce con outras redes subterráneas xa existentes”, explicaba o rexedor. Nunha fase posterior realizarase a desmontaxe e retirada da obra do actual grupo de bombeo. É dicir: “demolición de paramentos divisorios interiores da estación de bombeo para adaptar o espazo existente ás novas necesidades, así como apertura de ocos en fábrica de ladrillo e muros de formigón, arquetas, pavimentos”, dicía Vázquez Abad.

Nesta fase realizaranse tamén movementos de terras para as novas tubaxes, reposición de pavimentos e selado de xuntas e fisuras. Do mesmo xeito, melloraranse os acabados e pinturas, e haberá unha reposición das redes hidráulicas e de electricidade.

Auditoría enerxética. O proxecto xorde dunha auditoría de eficiencia enerxética realizada o pasado 2016 polo enxeñeiro Manuel Pardo, avaliando as medidas que se están levando a cabo no Pavillón de Deportes para a redución de consumos. As conclusións desta Auditoría centráronse no aproveitamento da auga termal das Burgas: Por unha banda, na mellora das canalizacións e conducións desde a surxencia ao Pavillón, e por outra, na mellora do aproveitamento da temperatura da auga dentro do Pavillón.